Hoxe en día, dende que Internet entrou nas nosas vidas, un currículo non está completo se o candidato a un posto de traballo non achega a súa dirección de correo electrónico, e dependendo das características do emprego, incluso se tende a facer referencia aos distintos perfís do candidato nas redes sociais.
Isto aporta un valor engadido semellante ao que aportaba a inclusión da fotografía do aspirante hai uns anos, pero nada ten que ver coa última moda no tocante a currículos profesionais: os vídeo-currículos.
Esta alternativa tan visual xa a viñan empregando dende hai tempo moitas persoas demandantes de emprego, sobre todo do mundo audiovisual e da comunicación, porén o Grupo Costant, especializado en recursos humanos, vén de integrala nunha web de emprego centrada no sector da hostalaría.
Trátase de StaffHotel.net, unha plataforma en liña de emprego, que utiliza os video-currículos como ferramenta de busca e selección de candidatos para hoteis, cadeas de restauración, bares, empresas de catering… minimizando o investimento económico e optimizando a xestión do tempo, tanto das empresas como dos aspirantes.
O funcionamento da ferramenta é moi doado: os profesionais do Grupo Constant realizan as entrevistas nas súas oficinas, grávanas en vídeo co consentimento expreso dos candidatos e póñenas a disposición dos seus clientes na web StaffHotel.net. Desta maneira, as empresas interesadas en contratar persoal, tan só teñen que acceder á plataforma e pinchar nos candidatos ou candidatas que se poden axustar ás súas esixencias.
Cabe destacar que a web emprega a fórmula Pay x CV, que traducido á linguaxe de a pé, significa que as empresas tan só pagan por contactar co candidato que mellor encaixe no perfil que buscan para cubrir o posto vacante, malia que poden visualizar os currículos de tódolos candidatos mesmo non tendo colgada ningunha oferta laboral. Se unha vez analizados todos os candidatos, á empresa non lle encaixa ningún perfil, ó custe é nulo.
Este sistema de selección de persoal a través de video-currículos permítelle ás empresas ver cómo se desenvolven os candidatos á hora de falar noutros idiomas, as súas habilidades comunicativas, o trato persoal e mesmo a súa experiencia laboral, sen ter que perder tempo nin cartos.
StaffHotel, con 50 delegacións en toda España, leva rexistrados preto de 500 candidatos, e prevé acadar os 36.000 rexistros a finais de 2012.
StaffHotel.net integra un servizo de video-currículos para optimizar a busca de emprego
Compartir Este Artigo

