A que hai anos convertérase na plataforma social de referencia entre a mocidade norteamericana, MySpace, leva un tempo perdendo pulo, o que levou á News Corporation a vender o servizo a Specific Meida a través dun acordo confidencial, aínda que moitos dos detalles da operación de adquisición están a ser publicados, como o feito de que a cantidade que abonará a compañía fundada polos irmáns Tim, Chris e Russel Vanderhook en 1999 ao grupo de Rupert Murdock será de 35 millóns de dólares (xunto cunha participación minoritaria na compañía).
News Corp mercara MySpace por 580 millóns de dólares en 2005, e pretendía vender o servizo por preto de 100 millóns de dólares, pero tivo que conformarse cunha cantidade que parece de saldo, pese a que se comentaba que tanto os co-fundadores de MySpace como Activision poderían estar interesados en facerse co control da compañía en declive (pero que conserva un importante volume de visitas que facilita, entre outras cousas, a súa explotación publicitaria).
Actualmente MySpace está a funcionar máis como unha plataforma de promoción de contidos audiovisuais e prevén que terá uns ingresos publicitarios en 2011 duns 180 millóns de dólares (lonxe dos 605 millóns que chegou a facturar hai uns anos), pero Specific Media vai procurar que o servizo volva ao que era nos últimos tempos (lembremos a súa forza como sistema para descubrir cancións e grupos musicais).
News Corp vende MySpace por 35 millóns de dólares
Compartir Este Artigo
