Apostar polo software libre é, entre outras moitas cousas, apostar pola eficacia das ferramentas de traballo, polo pulo á economía, pola optimización dos recursos e, como non, pola accesibilidade das TIC.
A maiores, no noso país, grazas ao labor de difusión que levan a cabo as asociacións creadas en torno ao código aberto, tamén significa apostar pola lingua galega, garantindo o seu uso e asegurando o seu futuro como lingua viva.
AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre do noso país, é unha destas entidades que traballan a reo por promover o uso das fontes abertas na sociedade, facendo, de paso, un importante labor de promoción da nosa lingua e cultura; e precisamente do seu seo xurdiu a última iniciativa internacional que leva o software libre a un chanzo superior: o Acordo Atlántico, un plan de acción deseñado en colaboración con outras asociacións empresariais e sociais do ámbito do software libre/código aberto internacional, que promove o uso desta tecnoloxía alén dos nosos lindes.
A ASL (Associação SoftwareLivre.Org de Brasil), ASOLiF (Federación Nacional de Empresas de Software Libre), CAdESoL (Cámara Arxentina de Empresas de Software Libre), ESOP (Associação de Empresas de Software Open Source Portuguesas) e SoLAr (Asociación Civil Software Libre Arxentina) son as outras entidades asinantes do acordo, que nos vindeiros dous anos traballarán de maneira conxunta xerando e transferindo coñecemento “de igual a igual” ao outro lado do charco.
Segundo nos informa Roberto Brenlla a través de Tegnix, as actividades que se levarán a cabo no marco deste convenio, “estarán orientadas á xeración e explotación de oportunidades de negocio, así como a obter melloras de carácter social, difusión, apoio e asesoramento en cuestións que incumben a cada unha das entidades implicadas”.
E non só iso; tamén tratarán de promover o uso das fontes abertas no ámbito empresarial e social dos países representados por cadansúas entidades, e xerar riqueza a través de modelos de negocio baseados en software libre/código aberto.
Este Acordo Atlántico, que se dará a coñecer hoxe durante o FISL 12, en Brasil, constitúe, en palabras de Brenlla, “a primeira pedra que poñen estas organizacións para consolidar procesos de internacionalización durante os vindeiros anos”, que sen dúbida, porá a proba ás entidades asinantes e ao propio software libre.
Pulo ao software libre galego no outro lado do Atlántico
Compartir Este Artigo

