Quen máis quen menos, en consultas, despachos ou oficinas, preguntouse algunha vez sobre ata onde chega a fiabilidade dos títulos que se saen do concibible, é dicir, das acreditacións profesionais que chegan do chan ao teito, e máis alá, e que adobían as paredes dalgunhas persoas. Sen a arela de ofender a ninguén, o certo é que se sabe que a falsificación de títulos segue a ser unha práctica habitual, e se cadra máis nestes tempos, en que segue a haber quen nos mide polo número de certificados que atesouramos. Con todo, a máis falsificación, máis remedios para localizala. Cómpre esquecerse da lupa, da investigación nos rexistros ou do clásico interrogatorio. Xa temos a tecnoloxía, e dáse a casualidade de que é galega.
Así nolo conta a Universidade de Vigo, escenario do que xurdiu a spin-off BitOceans, responsable á súa vez do software Fividoc, unha ferramenta especialmente axeitada para detectar a falsificación de títulos pero achegando, a maiores, unha ampla proxección. O programa, froito do traballo de investigación do dito proxecto empresarial da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, vai ser empregado a fondo por Universia e máis pola Confederación de Reitores de Universidades de España, que segundo conta a institución educativa galega servirá para pór ao alcance das universidades a debida seguridade nos expedientes universitarios, de xeito que se poida verificar cun escaneo do documento se o contido foi manipulado.
Este software, que xa foi usado por outros sectores e que obtivo recoñecementos como o Fujitsu It Future 2011 como mellor aplicación de computación na nube do ano, foi dado presentado este mes no Universitary forum Summit celebrado en Valencia.
A xuízo do reitor da Universidade, Salustiano Mato, “esta é unha mostra máis do bo facer dos investigadores da institución e do seu potencial de I+D+i”.
Segundo conta na web da Universidade de Vigo Alberto Malvido, socio fundador e director técnico da compañía, “o portal de validación de documentos universitarios é un servizo ofrecido á comunidade co esforzo de investigadores, egresados e universidades, materialización do grande apoio que a Universidade de Vigo presta aos grupos de investigación para poñer en valor os resultados de investigación en forma de spin-offs, e o impulso que estas empresas reciben da Universidade unha vez no mercado”.
O potencial de Fividoc é amplo no terreo académico. Para que non o saiba, e segundo fai saber a institución educativa viguesa, arestora está en activo un amplo tecido de venda de títulos falsos, estratexia fraudulenta que, a xuízo dos responsables de Fividoc, atoparán nesta ferramenta “unha dura oposición”. E máis tendo en conta que conta co aval da Confederación de Reitores, das propias universidades españolas e de terceiras entidades públicas e privadas.
Fividoc constitúe unha tecnoloxía horizontal que complementa o servizo de sinatura electrónica e que se pode usar en calquera sector empresarial que requira seguridade documental. Ofrece servizos, por exemplo, para administración públicas, educación, banca, sanidade, notaría, etc. “Entre os clientes cos que conta atópase o Ministerio de Presidencia e varios concellos de Galicia como o de Lugo ou o de Pontevedra, así como a Deputación de Ourense”, infórmase.
As universidades estatais botan man de software galego para detectar títulos falsos
Compartir Este Artigo
