Seguimos a falar de boas novas para a nosa cultura na Rede. Desta volta, e logo de asistir ao xurdimento de proxectos a prol da comunicación en galego como Sermos Galiza, toca falar de NóComún, unha proposta colectiva de comunicación e cultura na que participa xa unha ducia de creadoras/es da nosa terra, dando forma a un espazo web que colle a testemuña dos obradoiros tradicionais para enriquecelos co espírito do labor cooperativo e participativo da Internet actual.
Trátase, máis polo miúdo, dun cluster de profesionais sen emprazamento físico (pero si virtual) dedicado entre outras cousas a reafirmar a importancia da cultura para uns tempos en que esta mesmo se cuestiona. O cluster, xerado e formalizado ao longo de varios meses, dá acubillo a profesionais da cultura pero tamén da comunicación e da xestión.
Segundo se nos conta dende El Correo Gallego, a nova plataforma estaría integrada por Sergio Lago (xestión cultural), Sonia Díaz (comunicación), Pilar Bonigno (xestión administrativa), María Galdón (produción), Lucía Rolle (deseño), Xes Chapela (audiovisual e formación), Moisés Álvarez (comunicación), Emerson Díaz, (fotografía e audiovisual), Helena Torres (xestión cultural), Lorena Seijo (comunicación) e Ana Cunqueiro (produción). A súa arela, como dixemos, é dar forma a novos xeitos de crear e de dar a coñecer o finalmente creado, así como “achegarlles solucións creativas aos clientes do sector”.
NóComún: nova fronte común cultural galega con sede no universo dixital
Compartir Este Artigo
