Calquera cousa que se faga para facilitar o vieiro sempre complicado de atopar traballo, benvido sexa. Se ademais, o proceso pode facerse de xeito paralelo e complementario ás restantes tarefas que desenvolvemos ao longo do día, liberándonos de desprazamentos e participacións in situ, entón mellor que mellor. É nesta liña de facilitar as cousas e tirar o máximo partido das redes dixitais na mellora dos currículos, onde se move a nova iniciativa da empresa galega Training Channel, o Proxecto Crisálida, unha proposta de tipo social, de balde, que lles ofrece ás persoas en paro todo tipo de servizos TIC de formación profesional.
Segundo fai saber a empresa, a iniciativa responde a unha responsabilidade asumida na firma dende hai tempo: apostar polo talento e a formación accesible para todas e todos nuns tempos, os que vivimos, en que se multiplican os atrancos para atopar traballo. O proxecto, dirixido polo tanto a persoas desempregadas, semella responder de xeito pleno á filosofía da economía solidaria, dous conceptos que teoricamente non casan pero que, tal e como nos fixo saber os días pasados Ineo, encaixan mellor do que parece.
Sobre o caso concreto de Crisálida, o que se pretende é amosar que as empresas poden cooperar coa sociedade achegando algúns dos seus servizos de xeito desinteresado. “O noso proxecto”, informa Training Channel, “tamén xorde coa expectativa de ser un exemplo para que outras firmas axuden na medida das súas posibilidades aos sectores da sociedade que máis o precisan”.
Crisálida enfócase a tódalas canles da grella de Training Channel: Tecnolóxico, Ofimático e Inglés. As persoas interesadas no proxecto deberán seguir os perfís oficiais da empresa galega en Facebook e Twitter, onde se irán publicando cada semana as ofertas de cursos e as prazas dispoñibles para desempregados.
Sobre a empresa
Training Channel é unha firma galega especializada na edición de canles temáticas de aprendizaxe a través da Internet, co obxectivo de que conseguir que os alumnos podan interactuar en tempo real cos profesores, con independencia das distancias que existan entre eles.
