Quen máis quen menos, anda xa a pensar en que non sería mala idea cambiar de coche e apostar, desta volta, pola tecnoloxía eléctrica. Os prezos dos vehículos, sendo altos, comezan xa a ser competitivos, e, ademais, existe unha realidade que está fóra de toda dúbida: o alivio que sentiremos cando nos quitemos de enriba o peso dos combustibles do petróleo e de toda a súa parafernalia (motores de combustión que son máis enleados de manter, economicamente, que vinte familias á vez). Por se fora pouco hai axudas. Para informar delas, o Goberno central vén de pór en marcha www.sitve.es, un espazo para cidadáns e axentes de venda onde poderemos recadar datos sobre as xestións que cómpre facer para acadar unha subvención.
A web, a face visible da plataforma SITVE (servizo para xestionar de xeito eficaz e rápido o pago das axudas para facérmonos con coches ou furgonetas eléctricas), inclúe entre outras cousas unha guía para os axentes de vendas, preguntas frecuentes e máis documentos de interese. Compleméntase isto cun servizo de atención teléfonica (902 023 408, con horario de atención de luns a venres de 9:00 a 15:00 h.) e por correo electrónico, info@sitve.es, destinado a solucionar as dúbidas que podamos ter ao iniciar o devandito proceso.
Por certo que o orzamento do programa é de 72 millóns de euros para este exercicio, sendo as subvencións a percibir de ata o 25% do prezo de venda, antes de impostos, cun máximo de 6.000 euros por turismo, furgoneta pequena, motocicleta ou cuadriciclo con conexión á rede eléctrica. A contía máxima da axuda varía en función da autonomía eléctrica do vehículo. Informar tamén que se cubrirá a cuarta parte do prezo de adquisición bruto de outros vehículos como autobuses, autocares ou furgonetas grandes cun máximo de 15.000 ou 30.000 euros.
Como novidade, fronte a programas previos, as subvencións recibirémolas directamente, nós os compradores, na nosa conta corrente.
A información sobre as axudas do Goberno aos coches eléctricos, polo miúdo na Internet
Compartir Este Artigo
