A empresa galega Intermax quere subir novos chanzos na busca dunha cobertura eficaz e a baixo custo das nosas zonas rurais máis desfavorecidas e illadas en materia de accesos á internet. En termos máis concretos, o obxectivo é chegar coas súas redes sen fíos a arredor de 300.000 galegas e galegos. Esta é, precisamente, a finalidade do concurso de extensión de redes de banda larga da Secretaría Xeral de Modernización, concurso no que concorre Intermax (incluíndo no proxecto a outras empresas da nosa terra como as asociadas a OperGal, R, Retegal e Blu:sens) e que suporía, amais do devandito, conectar á Sociedade da Información a máis de 40.000 vivendas.
A proposta de Intermax, con sede en Melide, baséase como dixemos na participación directa ou indirecta de diferentes compañías galegas. Segundo informan fontes da firma, inclúense no proxecto operadores como R ou Retegal ata fabricantes como Blu:sens, que achegará todo o sistema de televisión sobre IP da rede. Asemade, colaborarán empresas instaladoras así como os Operadores Galegos de Redes sen Fíos de Banda Larga, OperGal, asociación de recente posta en marcha e da que falamos polo miúdo con motivo da súa presentación en Santiago. Esta entidade concorrerá fornecendo ao proxecto dos seus recursos, a súa experiencia e grao de coñecemento sobre o terreo e demanda real dos usuarios.
Segundo informan dende Melide, a proposta de Intermax “parte no concurso en boa posición grazas aos apoios dos integrantes do proxecto, así como dos clientes aos que presta servizo, concellos e pequenas e medianas empresas, sumándose isto aos avais que certifican a experiencia e a eficacia da empresa, que xa realizou proxectos en toda a nosa xeografía e que atende arestora a máis de 7.500 clientes en 70 concellos galegos”.
O seu director, Javier Mouriño, coméntanos que esta liña de axudas da Xunta incluídas no concurso devandito pode potenciar a extensión dun sector que a día de hoxe non está afectado pola crise, “dado que o medre das empresas nos últimos catro anos foi de arredor do 80%, en número de usuarios, redes e empregados”.
E continúa, ao fío das características da proposta de Intermax: “O noso proxecto cumprirá os obxectivos marcados pola Xunta de Galicia, e mesmo os mellorará tanto a nivel de servizos adicionais, como a TV IP, Vo IP , videovixilancia, caudal ofertado e unha maior cobertura, superior ao 99% dos habitantes dos núcleos, co fin de achegar a banda larga ata a última aldea e o último galego, xerando preto de 200 postos de traballo”.
Entre os puntos fortes da iniciativa de Intermax atópanse a súa experiencia e, tamén, a súa galeguidade: “Presentamos un proxecto moi competitivo que nos ofrecerá a oportunidade de seguir traballando e medrando como ata o de agora; a entrada dunha empresa de fóra de Galicia sendo beneficiaria da axuda deste plan global, sería unha ameaza seria para a nosa expansión e frearía o bo traballo realizado nos últimos anos por todas as empresas galegas do sector das telecomunicacións”, comenta Mouriño.
Internet, telefonía, televisión e videovixilancia

