O pasado xoves botou a andar a plataforma de distribución dixital Kiosko y Más, destacando entre o seu catálogo de contidos o xornal La Voz de Galicia, polo que foi toda unha sorpresa que esta cabeceira estrease o sábado na App Store unha aplicación oficial para iPad, que pode descargarse de balde, e que estes días pretende dar a coñecer as súas prestacións ofrecendo todos os seus contidos de xeito gratuíto durante unha semana.
Esta nova ferramenta ofrece versións en PDF enriquecido (permitindo ampliar algunhas fotografías e visualizar algúns vídeo) correspondentes á edición impresa (incluíndo os seus suplementos) do xornal fundado en 1882 por Juan Fernández Latorre que máis adiante estarán accesibles mediante pagamento (con contas diarias, semanais, mensuais e anuais, que fixan o seu prezo máximo en 0,79 euros o exemplar) e que están acompañadas por unha sección de Galería (que permite consultar dun xeito doado os álbums fotográficos dispoñibles na edición dixital de La Voz), un apartado de Vídeos (con distintas pezas destacadas da páxina web de V Televisión) e unha lapela de Última hora na que podemos consultar divididas en seccións as últimas novas publicadas polo xornal na web, o que fai que a ferramenta non sexa unha simple réplica das funcionalidades dispoñibles a través de Kiosko y Más, e conte cuns contidos vivos que non serían posibles de limitarse a un sistema de lectura de documentos en formato PDF. A aplicación tamén permite almacenar no iPad os contidos consultados para a súa posterior lectura fóra de liña, sendo tamén posible xestionar os exemplares gardados (ou sexa, que é posible borralos para que non ocupen espazo de disco).

A acollida de La Voz en iPad está ser bastante boa, chegando a situarse como a 4ª aplicación de balde máis descargada para iPad o pasado domingo, como exemplo do interese que espertan este tipo de ferramentas entre os usuarios do tablet de Apple, que parece estar a consolidarse como unha plataforma ideal para o consumo de contidos impresos dixitalizados, polo súa proximidade á lectura en papel xunto coa posibilidade de enriquecer a experiencia coa multimedia e a actualización constante.
La Voz de Galicia estrea aplicación para iPad
Compartir Este Artigo
