A Deputación de Lugo puxo en marcha en 2010 unha serie de actividades formativas, ao abeiro do plan INLUDES, para facilitar a busca de traballo das persoas desempregadas da provincia, actividades que se complementan cos servizos dun portal para a busca de traballo. Estas accións, que veñen de recibir catro novas incorporacións, están a beneficiar hoxe en día a máis de cincocentos alumnos, achegándolles coñecementos teóricos e prácticos sobre eidos laborais onde a xuízo da Deputación “hai realmente futuro”. Entre estes eidos laborais, amais de sectores como o sociosanitario ou o relacionado co medio ambiente, atópase o das novas tecnoloxías da información.
Estes son precisamente os eixes dos catro cursos novos acabados de inaugurar e avaliados polo miúdo este luns pola vicepresidenta segunda da Deputación, Lara méndez, durante a súa visita aos escenarios destas iniciativas de formación, impartidas polo Instituto de Desenvolvemento Económico e Social. Nelas, por certo, están a participar 60 desempregados da provincia. As accións abranguen 1.320 horas de docencia e están estreitamente relacionadas coas áreas sociosanitaria, medio ambiente e novas tecnoloxías. Todas están xa a pleno rendemento, informou Lara Méndez, e nalgúns casos, algunhas aproxímanse ás 500 horas.
Co obxectivo de favorecer a participación, tanto para a formación teórica como práctica, os participantes reciben unha axuda máxima de 400 euros para gastos de transporte, conciliación e inserción, “equivalente ó 75% da contía establecida polo IPREM”. Estas accións súmanse ás xa postas en marcha ao abeiro do programa europeo Pacto Provincial polo Emprego, a través do cal, o organismo provincial xa está a formar a 576 desempregados nas profesións diagnosticadas previamente como as de maior futuro en Lugo. Destes, 250 xa iniciaron as prácticas en empresas.
Máis formación en novas tecnoloxías para poboación desempregada de Lugo
Compartir Este Artigo
