A firma Ouvirmos, centrada na edición de música galega e na xestión de proxectos culturais por vieiros tecnolóxicos e innovadores, vai enfiar a recta final do verán cunha nova colección editorial que, segundo apuntan dende o devandito selo, “non terá nada que ver co feito ata o de agora”. Sinalar que esta proposta innovadora prevista para o mes de setembro é, tamén, un misterio a ir desvelando polos usuarios da Rede. Falamos polo tanto dunha novidade editorial en desenvolvemento acompañada dun concurso en liña no que se nos convida a acertar en qué vai consistir esa novidade.
Do que se trata é de elixir unha das catro opcións que se achegan dende Ouvirmos como “a opción real”. Poderemos votar por elas a través do espazo da empresa en Facebook ou enviando un mail a feiras@ouvirmos.com coa resposta correcta. Segundo se informa, sortearanse catro exemplares do primeiro volume da nova colección entre todos aqueles que dean no cravo. O concurso fica activo dende esta semana ata o vindeiro 25 deste mes. As/os gañadoras/es do sorteo serán anunciados o día 26 no Facebook.
Estas son as catro opcións sobre a natureza oculta da vindeira colección: -Guías de viaxes pola Lusofonía -Mitoloxía galega -Cociña infantil -Mulleres da nosa historia
Ouvirmos organiza na Rede un sorteo de libros
Compartir Este Artigo
