A empresa galega Optare Solutions inaugurou esta semana as súas novas instalacións no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo. Para celebrar este acontecemento, a empresa (centrada en servizos de enxeñaría de telecomunicacións) convidou a diversos persoeiros ligados ás novas tecnoloxías do coñecemento e ás novas canles, tanto dende o eido privado como dende o público, para que achegasen o seu punto de vista dos principais retos do sector. Entre estes persoeiros atopábanse Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización (quen clausurou a xornada), ou Fernando Pérez González, director xeral de Gradiant, quen moderou unha mesa redonda constituída polo director xeral de Optare, Luis Alves, e por directivos de Vodafone España, Oracle, Jazztel, R e Optimus.
O debate, por certo, xirou arredor das liortas e acordos entre o ámbito de promoción das operadoras e o de investigación e tecnoloxía. As novas instalacións da firma galega, que se visitaron logo deste intercambio de coñecemento, están emprazadas a poucos metros do Auditorio de Texvigo (onde se celebrou o encontro) e supuxeron un investimento de 1,3 millóns de euros.
Optare estrea novas instalacións no Parque Tecnolóxico de Vigo
Compartir Este Artigo
