A canle de televisión pública británica leva uns anos sendo o exemplo a seguir a nivel global no que á súa estratexia dixital se refire, pois desenvolveu un proceso de dixitalización dos seus fondos audiovisuais e abriu unha porta dos seus contidos á Internet, facilitando que os contidos da BBC estean dispoñibles a través da web, as consolas de videoxogos e dispositivos móbiles dentro do Reino Unido e completamente de balde (xa que os británicos xa pagan un canon pola televisión pública) e agora trasladan o servizo ao resto do mundo, comezando pola aplicación para iPad.
Temos así dispoñible na App Store unha versión internacional do BBC iPlayer, que facilita o acceso baixo demanda a unha impresionante selección de series de televisión clásicas e contemporáneas como o Dr. Who ou A Víbora Negra, que poden reproducirse tanto a través de Wi-Fi como de 3G, así como descargarse para a súa reprodución fóra de liña. Pero como fóra do Reino Unido non pagamos o correspondente canon televisivo (unhas 145 libras esterlinas por televisor), o servizo só ofrece uns poucos vídeos de balde, sendo preciso subscribirse ao servizo por 6,99 euros/mes ou 49,99 euros/ano se queremos un acceso ilimitado ao material da BBC para iPad (unhas 1.500 horas de contidos aos que se incorporarán unhas 100 horas de vídeo cada mes).
Inicialmente o reprodutor está dispoñible só para iPad (agárdase que o resto de plataformas vaian incorporándose a esta iniciativa globalizadora) e para 11 países europeos entre os que figura España.
Vídeo de presentación da versión internacional do BBC iPlayer
A BBC internacionaliza o seu reprodutor para iPad
Compartir Este Artigo
