A empresa galega de telecomunicacións Intermax vén de asumir un novo traballo de despregue de infraestrutura para levar as redes alí onde máis se precisan. Máis polo miúdo, trátase de achegar servizos de telecomunicacións propios ao certame de surf Cabreiroá Pantín Classic Pro, unha das máis importantes competicións da costa europea dentro deste deporte e que este ano celebrarase entre o 13 e o 18 de setembro, unha vez máis na devandita praia de Pantín en Valdoviño, na comarca de Ferrol. O labor da empresa galega, con sede Melide, será “será esencialmente a de prestar e coordinar a comunicación de voz e datos para a organización e os asistentes”. Por certo que Intermax substitúe para este traballo á multinacional que viña desenvolvendo este servizo dende hai anos.
Sobre o funcionamento do sistema de comunicacións a despregar, dicir que Intermax poñerá a disposición do certame e dos seus integrantes, participantes e asistentes en xeral a súa rede de tecnoloxía WiMAX existente no Concello de Valdoviño. Segundo fai saber nun comunicado o director xeral de Intermax, Javier Mouriño a rede despregada para o campionato contará con dous radio ligazóns, unha principal e outra redundante, que poden ofrecer 200 Megas reais simétricos. E prosegue: “A praia estará conectada coa torre de Monte Faro –punto principal da rede de Intermax en Valdoviño-, e desde aí a información transmitirase a través doutra radio ligazón cara Ares, onde a comunicación sairá por fibra óptica a Internet”.
En definitiva, engade, Pantín estará conectado con todo o mundo durante a semana en que se desenvolva a competición. Aos medios técnicos, cómpre engadir os humanos. De feito, o dispositivo estará en todo intre xestionado e supervisado por profesionais de Intermax. “Tanto a organización como os medios de comunicación poderán acceder a Internet de banda larga e telefonía IP; ademais, as televisións poderán enviar as súas imaxes en alta definición e o evento transmitirase vía streaming a través da web www.pantinclassic.com”, engade a firma de Melide.
O campionato galego de surf que se vai celebrar en Pantín terá acceso á Rede da man de Intermax
Compartir Este Artigo
