Agora que imos deixando atrás os tempos en que os xefes de departamentos de recursos humanos botaban as mans á cabeza se recibían un currículo por vía dixital, semella que as cousas vanse asentando e que hai moitos máis recursos có do correo electrónico para ir abríndonos paso no mercado laboral. Por exemplo: as cousas que facemos nas redes sociais, que son xa unha inmellorable carta de presentación para moitas empresas, sobre todo aquelas que están máis afeitas a empregar canles de comunicación de vangarda. O proceso é imparable e contribúe a reformular, en boa medida, o que facemos nos nosos sitios de Facebook ou Twitter. É dicir: coidadiño con dicir neles que non somos quen de adaptarnos a calquera empresa ou que nos gusta moito poñer os pés enriba da mesa dos xefes. Segundo conta Viadeo nun estudo, o 40% das galegas e galegos empregan xa as comunidades 2.0 para buscar emprego.
O informe, que reflicte polo miúdo Galiciaé, diríxese a achegar un punto de vista amplo sobre o uso que lle damos dende a nosa terra ás novas ferramentas da información e da comunicación, ao tempo que serve para avaliar a situación laboral actual galega. O que é aplicable aos demandantes de emprego, este medre da presenza das redes sociais no seu día a día, tamén vale (ou máis) para os que ofrecen un posto de traballo. Así, conta o informe, estímase que arredor do 65% dos directivos adoita consultar o perfil dos seus candidatos nas webs 2.0 antes dunha primeira toma de contacto. Isto, como dixemos, contribúe, e moito, a reformular non só o punto de vista que se ten das redes sociais (poden ser unha perda de tempo, pero tamén poden ser algo máis), senón tamén o uso que lles damos. Segundo se engade no informe, tres de cada dez ofertantes de emprego chegaron a descartar a algúns demandantes por non contar cun espazo propio nas redes devanditas, ou ben por telo pouco actualizado ou escasamente interesante. Isto, claro está, só sería aplicable a un determinado tipo de empresas. De feito, de moi pouco nos valería (polo de agora) ter unha chea de información de valor no noso perfil e contar cunha longa listaxe de contactos se o que queremos é traballar en actividades de tipo tradicional.
O 40% dos galegos tira partido das redes sociais para procurar emprego
Compartir Este Artigo
