Esta semana actualizamos a nosa listaxe coas 100 páxinas web galegas máis populares, confirmando a consolidación dos primeiros postos nos que figuran a nova tenda en liña de Zara, o polémico servizo de informacións sobre eventos deportivos a través de streaming Rojadirecta, o diario La Voz de Galicia, a web especializada en videoxogos Vandal, a Xunta de Galicia e outras publicacións, producíndose tamén poucos cambios no resto de páxinas web, aínda que se botamos a vista atrás uns meses veremos que si houbo algunhas evolucións moi significativas, como a páxina web da Compañía da Radio Televisión de Galicia, que pasou do posto 27 ao posto 7 en só medio ano, mentres que o diario El Correo Gallego tamén conseguiu saltar do posto 15 ao 8 no mesmo período de tempo. Agora che estamos en pleno verán tampouco debería sorprender que Meteogalicia conseguise pasar do posto 20 ao 11 en só 6 meses.
Tamén podemos destacar que neste último medio ano a nosa publicación en liña conseguiu escalar do posto 38 ao 32 (o que a nivel global supuxo mellorar da posición 159.179 á 92.493), mentres que Galicia Confidencial pasou do 43 ao 37, os servizos de blogs da Blogoteca e Fiestras pasaron das posicións 70 e 71 a 41 e 46 respectivamente, e mesmo o Centro de Supercomputación de Galicia pasou dun posto 81 a un meritorio 52.
Posiblemente a mellora de posicións máis destacable nos últimos seis meses sería o do servizo de tradución Opentrad, que estaba fóra da nosa listaxe (no posto 123) e conseguiu ascender ao 61.
Loxicamente, o ascenso de posicións dunhas páxinas web supón o descenso de outras, como as caixas de aforro galegas, que están a vivir uns tempos de cambio que loxicamente afectaron ás súas presenzas en liña; tamén caeron lixeiramente as webs do grupo Inditex que non corresponden a Zara; a páxina web de Culturagalega.org baixou dun posto 41 ao 60 (aínda que hai cousa dun mes aínda estaba no 49, polo que podemos estar ante un efecto do verán, período no que moitos espazos web perden boa parte dos seus lectores que habitualmente acceden aos mesmos dende o traballo e centros de estudo); Chuza tamén experimentou unha caída de 21 postos (aínda que neste caso a caída xa comezou no mes de xuño); e outra das páxinas web que caeu considerablemente en popularidade é a do Pabellón Ourense C.F. (do posto 61 ao 84) que contrasta coa boa saúde doutros espazos como Futbolcoruña.com (49) e Riazor.org (29).
As páxinas web galegas máis populares consolidan as súas posicións
Compartir Este Artigo
