Este martes 6 de setembro, pódese dicir que Inditex é quen de ollar dende a zona alta da escaleira dixital dos negocios. Os chanzos subidos pode que non foran moitos, pero si os decisivos para ver aos seus competidores xusto por debaixo. Comezaron coa presentación miúda dos seus produtos na Rede e materialízanse agora coa venda integral, en Internet e para Europa, de tódalas cousas que podiamos atopar ata o de agora e nas tendas físicas, en tódalas integrantes do grupo, dende Pull&Bear a Massimo Dutti, pasando por Zara Home e Zara (primeiras en estar en liña con tódalas súas consecuencias), Bershka, Stradivarius, Oysho, Uterqüe. En total, son seis das súas nove cadeas as que estrean este martes modalidade en liña de venda, ás que haberá que sumar en breve Lefties e ás que xa se engadiron hai tempo as devanditas Zara e Zara Home.
Os países que a partir de agora disporán deste servizos en liña das cadeas de Inditex son: Alemaña, Austria, Dinamarca, España, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Mónaco, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza, informou o grupo téxtil.
A manobra, segundo se conta, é algo máis que unha simple adaptación aos tempos: é unha auténtica estratexia operativa empresarial que, con total seguridade, levará ao grupo de orixe galega a un estado de cousas de maiores beneficios. En total, prevese grazas a esta modalidade de venda dixital un incremento do 5% da súa facturación, o que, segundo se fai saber en medios como Xornal.com ou en Galicia Hoxe, significa unha achega de 743 millóns de euros sobre unha cifra total de negocios de arredor dos 14.010 millóns de euros no exercicio vindeiro.
Os agoiros son bos, e máis tendo en conta a boa marcha da experiencia virtual de Zara, que logo de 12 meses de actividade como tenda en liña en 16 países europeos, conseguiu relanzar aínda máis a liña ascendente da cadea, que, por certo, prevé abrir tenda en liña este 7 de setembro nos Estados Unidos.
Este martes colle corpo o servizo de venda en liña en Europa das cadeas de Inditex
Compartir Este Artigo
