
Asemade, informa o CPETIG, buscarase con este seminario “sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática”.
Como dixemos, os beneficiarios potenciais da actividade son xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e fiscais. A acción formativa desenvolverase no Salón Madeira do Hotel Méndez Núñez da capital lucense (Rúa da Reina, 1) e será inaugurada, pola subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, e polo presidente do CPETIG, Marcos Mata.
Programa
O evento, a desenvolver en dúas xornadas, contará coa participación dalgúns dos máis reputados expertos en materia de TICs e procesos policiais e xudiciais de todo o territorio estatal.
Na primeira xornada, a que se desenvolverá o vindeiro xoves 15 de setembro, o primeiro relatorio correrá a cargo do avogado Victor Salgado, socio do Bufete Pintos&Salgado, que abordará o tema do Dereito das novas tecnoloxías.
Esta xornada completarase coa conferencia do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordará o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial.
A segunda xornada, que se vai desenvolver o venres 16 de setembro, contará coa presenza do Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que disertará sobre a o protocolo forense en probas electrónicas.
Esta segunda xornada formativa completarase co relatorio do perito do Corpo Oficial de Peritos do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Miguel Abal, que abordará na súa intervención o tema da práctica pericial informática.
O CPETIG celebra en Lugo unhas xornadas sobre informática xudicial
Compartir Este Artigo
