Unha vida empresarial máis doada, con posibilidade de levala a cabo dende calquera sitio, lonxe da oficina, con total seguridade, a prezos reducidos e cunha boa parte da xestión automatizada. Estas e outras moitas son as posibilidades que ofrece iso que se vén chamando computación na nube, mesturada coas vantaxes inherentes ao software libre, posibilidades das que o noso sector TIC non está a ficar alleo. É o caso da firma Igneoma, con sede en Vilagarcía, que segundo nos fai saber nun comunicado, vén de lanzar un servizo que fala por si só, a través do seu propio nome, da súa potencialidade: NubeOffice: a túa oficina na nube. O sistema está baseado en eyeOS, que é un sistema operativo virtual de código aberto.

O custe do servizo parte dunha contía básica de 1,5 euros ao día, que inclúen un xiga de espazo en disco duro e 50 xigas de transferencia ao mes. “O cliente”, informa a empresa arousá, “poderá, por medio dunha aplicación dentro do propio NubeOffice, ampliar o espazo en disco duro reservado e reducilo cando queira, en base ás necesidades”. Amais disto, cómpre sinalar que o cliente non terá límite de usuario.
O desenvolvemento apóiase na licenza Aferro GNU, dispoñendo a empresa do seu código fonte para os seus clientes. Amais disto, servirá de fonte de achegas para a comunidade eyeOS das diversas correccións e melloras presentadas para a evolución do proxecto de código aberto.
NubeOffice: sistema galego para subírmonos á computación en liña empresarial ao mellor prezo
Compartir Este Artigo

