Nos últimos anos o panorama corporativo que lidera a Internet a nivel mundial mudou de xeito drástico, e os ascenso de Google e Facebook provocan a caída de xigantes como Yahoo, compañía que vén de comunicar que o seu Consello de Dirección decidiu nomear de xeito provisorio un novo director xeral para a compañía, Timothy Morse, para ocupar o lugar de Carol Bartz, recoñecida directiva de 63 anos de idade que participou nos consellos de dirección de compañías como Intel, Cisco, Autodek e BEA Systems, pero que non tería sido quen de mellorar a mala situación económica de Yahoo, chegando a ser considerada como a persoa «máis sobrepagada» nun cargo coma o seu (recibiu 47,2 millóns de dólares polo seu primeiro ano de traballo en Yahoo).
Deste xeito Bartz só conseguiría manterse 32 meses ao temón da compañía e parece ser que o seu despedimento foi comunicado por teléfono polo director de Yahoo, Jerry Yang, falta de tacto que está a comentarse de xeito anecdótico, mentres que os mercados bolsistas están a recibir positivamente este cambio en Yahoo, xa que en poucas horas as accións da compañía xa subiron un 6%. Amais, o feito de que non se dea o nome dun sucesor definitivo de Bartz dá a entender que Yahoo está a buscar unha boa fichaxe ou a pechar algunha negociación con grandes compañías como AT&T, News Corp ou Verizon, que podían supor cambios profundos na empresa que é xa unha sombra do que foi.
Yahoo despide á súa directora xeral
Compartir Este Artigo
