Estes días chegou a Santiago unha exposición sobre a multiculturalidade inherente aos itinerarios xacobeos, uns camiños que, malia rematar aquí, son coma un resumo dun anaco do mundo. A mostra, itinerante, poderase visitar ata o 24 de outubro na capital galega. Dáse a casualidade de que a exposición ten dúas facianas: unha física, presencial, e outra dixital, Santiagolanguages.com, unha páxina destinada a reforzar a universalidade da peregrinación xacobea e, por extensión, de tódalas que teñen como meta Compostela.
A mostra, a física, foi inaugurada esta semana polo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, no Museo Pedagóxico de Santiago, o MUPEGA. Respecto da páxina web, o tema que nos ocupa, dicir que se presenta en once linguas distintas (representativas do Camiño), incluíndo o galego, o aragonés, o éuscaro, o occitano, o bretón, o frisio ou o alemán. A intención disto, sinalan os responsables da mostra, era facer fincapé na vontade de salientar a rica diversidade do Camiño, salientando de entre todas elas as minoritarias, que son, a fin de contas, as que precisan de máis apoio por parte da comunidade internauta.
Incorpora, entre outras cousas, explicacións do Proxecto Camiño (no que se insire a mostra), o itinerario da exposición en diversas cidades vinculadas ao itinerario e información detallada sobre o congreso dedicado ás linguas e culturas europeas vertebradas arredor da tradición xacobea que terá lugar os días 21 e 22 de outubro no MUPEGA. Asemade, tamén se ofrece unha completa galería multimedia de contidos, un dos miolos da exposición, e máis un xogo interactivo sobre o Camiño en tódolos idiomas devanditos.
Iniciativas como esta a exposición e a web teñen o seu complemento na web do proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, www.camino-eu.com, un portal plurilingüe sobre a historia cultural das diferentes rexións europeas ligadas ao Camiño de Santiago, que recompila textos, datos, documentos e imaxes sobre os idiomas e a peregrinación.
No proxecto, que conta co apoio da Comisión Europea a través do Programa Cultura 2007-2013, tamén están implicadas institucións gobernamentais, universitarias e académicas de Occitania, Bretaña, Alemaña, Navarra e Aragón, como son Euskarabidea, a Academia de l’Aragonés, Euroccat, a Oficina da Lingua Bretoa e a Universidade alemá de Kiel.
Santiagolanguages.com: unha web sobre a rica diversidade cultural do Camiño
Compartir Este Artigo
