
A primeira das accións formativas terá lugar a partir do 26 de setembro en horario de 9.30 a 13.30 horas. Os interesados en tomar parte deste curso denominado ‘Configuración de servizos corporativos en contornas Linux e Microsoft’ poderán achegar a súa solicitude ata o día 13, estando programada para o 19 a celebración da proba de selección.
No mes de outubro iniciaranse 7 novos cursos para os cales o prazo de inscrición rematará o 3. Os contidos das accións centraranse en administración de sistemas Microsoft Windows Server 2008, administración de bases de datos Oracle e de sistemas operativos Linux.
Tamén están abertos xa os prazos de inscrición para os tres primeiros seminarios que se celebrarán en setembro e outubro. Para asistir a estas actividades non será necesario desenvolver ningunha proba de selección previa. A asistencia, de balde como o resto de actividades do CNTG, só está condicionada á previa inscrición e ao aforo do local.
Os interesados poderán obter máis información a través da páxina web do CNTG.

As actividades previstas teñen unha clara orientación laboral e destaca pola diversidade de temas a tratar e pola elevada calidade dos currículos formativos que nel se inclúen. O centro imparte formación para o emprego de carácter técnico, intensivo e especializado, dirixida preferentemente aos profesionais do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.
En concreto, as accións formativas, impartidas por profesorado técnico e cualificado nos últimos produtos tecnolóxicos, incorporan novas iniciativas relacionadas con diferentes tecnoloxías non tratadas en programacións anteriores (Zentyal, RIM BlackBerry e Prince2), e niveis superiores de formación relativos a metodoloxías, produtos ou ferramentas xa presentes en anteriores programas e que acadaron un alto nivel de demanda (ITILv3 Service Operation Lifecycle ou ITILv3 Operation Support and Analysis Capability, entre outros).
As novidades incorporadas na oferta inciden en todas as áreas formativas: Sistemas, desenvolvemento, seguridade, xestión e dirección ou metodoloxías, incluíndo novos cursos como os relativos a administración de redes Linux con Zentyal, o deseño áxil con Test Driven Development (TDD), a seguridade en contornos web e a detección de intrusos, Tuning con Oracle Database, Prince2 Foundation ou Windows Azure Developer.
A oferta completarase coa celebración de seminarios e xornadas tecnolóxicas de acceso de balde. Para o cuarto trimestre de 2011 xa están pechados diversos eventos relacionados coa tecnoloxía Java, a optimización do uso de bbdd Oracle, o testeo de software, a implementación de técnicas de seguridade perimetral, a seguridade web ou o cloud computing.
Do total de asistentes aos cursos, 677 alumnos e alumnas terán a posibilidade de realizar de balde un exame oficial de certificación oficial relacionado coa materia formativa do curso ao que asistan.
Aberto o prazo de inscrición dos cursos do CNTG no que resta de ano
Compartir Este Artigo
