Microsoft ten vido moitas veces á nosa terra, pero se cadra nunca tan paseniño como vai acontecer coa súa vindeira visita. Máis polo miúdo, trátase dunha peregrinación en toda regra. Segundo nos conta a compañía, tres empregados da división Ibérica da casa comezan este 12 de setembro en Nafarroa un reto persoal e profesional ben definido: o de achegar as posibilidades que pon en xogo a computación na nube para usuarios de a pé, para administracións e para empresas. Farano seguindo o Camiño de Santiago en bicicleta. César, Paulo e Fernando, ao longo dos 800 quilómetros do itinerario francés, distribuído en quince etapas, con paradas en Iruña, Logroño, Burgos, León e Santiago.
Segundo conta a compañía, o Camiño achega importantes oportunidades no camiño da promoción tecnolóxica, por ser, como é, un camiño de coñecemento con ligazóns cada vez máis claras ás redes sociais e ás novas canles da información. Durante a peregrinaxe, engaden, os tres empregados de Microsoft amosarán “as moitas vantaxes que pon en xogo a computación na nube, tanto para os desenvolvedores de software como aos estudantes, ao mesmo tempo que lles convidan a sumarse ao seu reto e a coñecer de primeira man as ferramentas que a compañía lles subministra no seu camiño á nube”. A aventura, que ten web propia, será amosada en todo detalle na Rede polos tres protagonistas da mesma, a xeito de caderno de bitácora. A iniciativa xorde do equipo de Desenvolvemento e Plataforma da filial española.
Microsoft fai o Camiño para amosar as vantaxes da computación na nube
Compartir Este Artigo
