
En resumidas contas, a idea é avaliar, ombro con ombro con socios e colaboradores, cuestións TIC do máis variado, facendo fincapé en eidos temáticos como a seguridade ou a mobilidade.
En palabras de Manuel Lago, director de Emetel, “o sector TIC é un dos ámbitos nos que a velocidade de cambio é máis elevada; responder con eficacia e rapidez ás necesidades que amosa un cliente é fundamental pero, en ocasións, moitas empresas non chegan a coñecer as ferramentas das que dispoñen para optimizar os recursos, reducir custos ou amentar a produtividade”. Polo tanto, a través destes almorzos, procurarase abrir unha nova canle de comunicación de dirección dupla, unha boa oportunidade para que Emetel poida ter maior contacto coas demandas do cliente e, ao mesmo tempo, este poida ver as posibilidades que ten.
Respecto á primeira xeira de encontros, dicir que está prevista para o 28 de setembro, unha cita que contará coa presenza de Enterasys e Checkpoint, referentes estatais e internacionais no eido TIC. A idea é que traten con Emetel, en diálogo fluído e directo, a evolución das comunicacións a contornas seguras. “Nun principio”, engade a empresa galega, “estas xornadas terán lugar no showroom emprazado nas instalacións da compañía, un espazo innovador no que se realizarán demostracións prácticas dos temas tratados, aínda que non se descartan outras localizacións, como o Centro Demostrador TIC de Santiago, situado no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia”. Os primeiros seminarios serán:
· 28 de setembro. Seguridade. Avaliarase o novo escenario da comunicación, con accesos a redes corporativas dende calquera punto xeográfico e diferentes terminais, e máis o acceso seguro a Internet con ferramentas que incorporan novos protocolos e sistemas.
· 13 de outubro. Monitorización. Trataranse cuestións como o control sobre a rede e sobre o que está a acontecer en cada intre.
· 26 de outubro. Comunicacións unificadas. Falarase da necesidade de integrar diferentes tecnoloxías ante o avance dos recursos e os dispositivos de comunicación.
· 23 de novembro. Infraestruturas intelixentes. Incidirase na evolución das aplicacións cara a computación na nube e de cómo o afianzamento de servizos e servidores teñen provocado a necesidade de pór en marcha grandes centros de procesos de datos.
· 14 de decembro. Mobilidade. Realizarase un repaso das distintas tecnoloxías dispoñibles para o acceso remoto e o control dos postos de traballo a distancia.
Emetel pon en marcha o día 28 unha serie de seminarios TIC con empresas de alto nivel
Compartir Este Artigo
