O Club Financeiro de Vigo vai dar acubillo, o vindeiro mércores 21 de setembro, ao novo Foro Ineo da Sociedade da Información, un evento profesional que ten por obxectivo amosar novos xeitos de asegurar que o noso potencial innovador chegue a bo porto e que desta volta desenvólvese baixo o epígrafe Open Innovation e novos modelos de negocio TIC. Como dixemos, a finalidade da xuntanza é amosarlles ás empresas do noso sector a necesidade de traballar con novos modelos de negocio baseados na propia innovación, ao mesmo tempo que se achegan ideas de valor sobre os camiños futuros do sector TIC.
A xuntanza contará coa presenza do interim manager Santiago Pérez-Castillo, o enxeñeiro de Telecomunicacións e especialista en I+D Alexandre Bastos e a enxeñeira informática e directora de negocio Lisa Martínez Gomis. A intención de Ineo é permitirlles aos relatores a máxima liberdade para a achega de coñecemento e, tamén, un escenario onde o público poida debater abertamente con eles. A asistencia ao evento é de balde, e deberá formalizarse a través da conta comunicación@ineo.org.
A innovación aberta, a debate no vindeiro foro de Ineo
Compartir Este Artigo
