A asociación galega EGANET e a empresa Clarke, dedicada ao asesoramento e xestión de labores ligadas á propiedade industrial e intelectual, asinaron esta semana un acordo de colaboración para impulsar nas empresas TIC do noso país a protección dos seus produtos e servizos con vistas a crear marca e prestixio. O acordo, formalizado polas dúas entidades (representadas por Víctor López, de EGANET, e o director xeral de Clarke, Modet & Cº España, Alejandro Klecker de Elizalde), significa entre outras cousas que as firmas integradas na asociación galega poderán dispor de servizos de valor engadido no ámbito da propiedade intelectual e industrial.
Asemade, recibirán asesoramento en acordos de transferencia, e un servizo de información e posicionamento tecnolóxico, así como a protección dos novos modelos de negocio na rede.
Amais, informa EGANET, o acordo abrangue prácticas de xestión e actividades de formación especializadas no eido TIC, “adaptadas ás crecentes necesidades deste sector e das súas empresas integrantes no tocante á xestión dos dereitos de propiedade industrial e intelectual”. O convenio tamén inclúe, entre outras cousas, o desenvolvemento de relatorios sobre o devandito eixe temático relativo á salvagarda da innovación, achegando “unha visión xeneral e actualizada dos diferentes dereitos desta propiedade, así como da súa protección, fomentando o seu coñecemento e facilitando a súa xestión integral”. Todo isto suporá a posta en marcha dunha xanela única na web de EGANET que servirá para “canalizar as consultas en materia de propiedade”.
As empresas de EGANET contarán con servizos de valor no eido da propiedade industrial
Compartir Este Artigo
