O libro electrónico ten o seu aquel, sobre todo para cando imos de viaxe e non queremos carretar volumes, ou cando caemos na conta de que non hai máis espazo na casa para amorear novelas, pero semella que non abonda. As cousas están así: é moi probable que o ebook sexa o futuro, iso non o discute ninguén, pero está claro que vai convivir, durante moito tempo e se cadra en desigualdade, co formato tradicional que tanto nos gusta, coas súas follas amarelas e coas tapas engurradas que tanto nos gustan. As cifras así nolo confirman: as vendas de elibros non chegan ao 3% en España.
As razóns disto son complexas e variadas. Por unha banda temos un estado europeo que non salientou nunca por ter moitas lectoras e lectores e, pola outra, hai que recoñecer que tampouco destaca polo aproveitamento que lles está a tirar ás novas tecnoloxías. Así as cousas, o que non lía antes, tampouco o vai facer agora, por moito que lle agasalle o último modelo de e-reader a persoa que máis o quere no mundo.
Os devanditos datos sobre as vendas destes formatos veñen da man da Federación de Gremios de Editores de España (FGEE), que salientou esta semana, a través do seu director, Antonio María Ávila, que a porcentaxe de mercado destes libros anda case no 2,7%, cousa que, por outra banda, tampouco difire moito do que acontece noutros países, xa que en Estados Unidos a taxa anda a rentes do 5%, que tampouco é ningunha marabilla.
As vendas de libros electrónicos non dan despegado
Compartir Este Artigo
