Máis de sesenta veciños e veciñas do rural do concello coruñés de Oroso poden gozar dende hai uns días de Internet de banda larga nos seus domicilios, grazas á conexión por satélite que a empresa local Allticnor SLNE instalou na zona, e que esta mesma mañá probou en presenza do alcalde do municipio, Manuel Mirás Franqueira.
As probas foron realizadas por técnicos da devandita empresa diante dos locais sociais de Cardama, Senra e O Cachopal (Os Ánxeles), nas que, segundo informaron, “obtivéronse uns rexistros de conexión de entre 1,2 e 1,8 megas (cando a proba de conexión se facía co paquete básico de 1 mega)”.
A intención de Mirás Franqueira é “levar a banda ancha de Internet a calquera parte do municipio”, para o que ten asinado un convenio de colaboración con Allticnor SLNE, unha empresa que conta coa vantaxe de ser da localidade e coñecer as necesidades específicas da zona.
O edil afirma que “as probas realizadas tanto no local social de Cardama como no de Senra foron especialmente significativas, pois na zona mesmo se perdía a cobertura de móbil”, e engade: “ambas zonas amosaron velocidades de conexión superiores aos 1,2 megas e mesmo permitiron a conexión ao tempo de varios equipos a través de wifi”.
Pola súa banda, Miguel Anxo Gómez, un dos responsables de Allticnor SLNE, anunciou a creación dunha nova plataforma de información online, na que os veciños e veciñas interesados poderán facer as súas reservas, tendo en conta que “neste intre o custe da instalación é cero posto que son equipos financiados polo Plan Avanza do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio”, afirmou.
O acordo de colaboración entre o Concello de Oroso e Allticnor SLNE, asinado hai apenas mes e medio, vai permitir que os veciños do rural orosán a onde non chega o ADSL, poidan gozar de Internet de banda larga nos seus fogares sen ter que pagar pola instalación nin pola adquisición dos dispositivos necesarios, consistentes nunha parabólica e nun receptor.
Os veciños e veciñas interesados en contratar este servizo deberán poñerse en contacto con Allticnor SLNE nos teléfonos 664 269 770 ou 981 69 12 52 ou a través da plataforma www.internetondequeiras.com.
Allticnor SLNE, que ofrece un 100 por cento de cobertura, presta o seu servizo co apoio de Hispasat, operador líder no mercado español e iberoamericano, grazas á súa plataforma de acceso a Internet vía satélite de última xeración especialmente deseñada para servizos de baixo custo e de altas prestacións.
Oroso leva a banda larga por satélite ao rural do concello
Compartir Este Artigo

