Dende esta mesma mañá, tódolos galegos e galegas que precisemos realizar algún tipo de xestión coa Xunta de Galicia poderemos facelo en liña a través da dirección https://sede.xunta.es, un espazo que leva trazas de converterse nun punto de acceso único a toda a Administración e ás súas entidades instrumentais a través da Rede, e que de xeito progresivo irá ofrecendo máis información e máis servizos que ata o de agora se poden facer só dende as ventaíñas das consellarías.
Este punto de acceso único permite realizar, polo de agora, uns 1.500 procedementos administrativos de diferentes consellarías e departamentos, porén progresivamente iranse incorporando ao mesmo enderezo os servizos e a información necesaria para que a cidadanía poida interactuar por medios electrónicos, durante tódolos días do ano e as 24 horas do día, con absolutamente tódolos órganos da Administración xeral da Xunta de Galicia.
A web permite presentar solicitudes, escritos e comunicacións relativas aos diferentes procedementos administrativos, tendo a seguridade de que toda a información que o usuario intercambia coa administración está cifrada e que o acceso mediante certificado electrónico ou DNI garante a súa plena identidade.
Loxicamente, a sede en liña supón unha serie de vantaxes para a Administración, porén tamén achega moitas utilidades para a cidadanía, que non terá que desprazarse ata as dependencias físicas da Xunta para os seus trámites persoais, nin presentar un mesmo documento cada vez que se dirixa a algún dos organismos integrados no punto de acceso único online.
O resto de vantaxes que achega a ferramenta, como a consulta de información persoal ou o acceso á sede do Diario Oficial de Galicia, entre outras cousas, son detalles que o internauta irá descubrindo paseniñamente a medida que usa esta aplicación, e que se irán incrementando a medida que se demanden novas funcións.
A sede electrónica da Xunta xa está operativa
Compartir Este Artigo

