O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) está a organizar estes días un seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica, que se celebrará paralelamente en Pontevedra e Ourense, os días 29 e 30 deste mes de setembro, en horario de 17:00 a 21:00 horas.
Trátase de dous ciclos formativos que teñen como obxectivo informar e concienciar aos xuristas dos avances acadados en materia probatoria nos casos nos que interveña o factor informático no proceso, así como destacar a importancia da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial.
Os responsables das xornadas tratarán, asemade, de sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.
Os cursos van destinados principalmente a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e fiscais, e contan coa colaboración financieira da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta.
As citas terán lugar a unísono no Hotel Galicia Palace de Pontevedra e no Hotal San Martín de Ourense, e en ámbalas dúas cidades dividirase o curso en dúas xornadas perfectamente diferenciadas.
O programa, que se pode consultar na web do CPETIG, recollen os mesmos relatores para unha e outra cita, porén intercambiando a orde das xornadas, desta maneira, os relatores que intevirán o xoves en Ourense, farano o venres en Pontevedra e viceversa.
Na primeira xornada da cita pontevedresa, a que se desenvolverá o xoves 29 de setembro, o relatorio de inicio correrá a cargo do xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que disertará sobre o protocolo forense en probas electrónicas. Esta xornada completarase coa conferencia do perito do Corpo Oficial de Peritos do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Miguel Abal, que abordará na súa intervención o tema da práctica pericial informática.
A segunda xornada, que terá lugar o venres 30 de setembro, contará coa presenza do avogado Victor Salgado, socio do Bufete Pintos&Salgado, que abordará o tema do Dereito das novas tecnoloxías.
Esta segunda xornada formativa completarase co relatorio do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordará o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial.
Á cita ourensá acudirán os mesmos relatores, porén coas datas intercambiadas.
O CPETIG prepara dúas xornadas sobre informática xudicial en Ourense e Pontevedra
Compartir Este Artigo

