
O Ambient Assisted Living Forum 2011, así se coñece o evento na súa versión estendida, é un prestixioso encontro europeo de vangarda para a mellora da calidade de vida das persoas maiores e dependentes, buscando tirarlles o máximo partido ás vantaxes de inclusión das novas tecnoloxías. Neste foro, infórmanos 2Mares, danse cita cada ano os principais investigadores e empresas europeos do eido TIC, xunto con representantes da Unión Europea e todos eles con denominador común: participar na innovación social e promover un cambio de paradigma na relación dos cidadáns coa saúde e o benestar. Así as cousas, a posibilidade de participar nun evento destas características é especialmente salientable para calquera empresa. Así o entenden dende 2Mares, unha das poucas entidades procedentes do territorio estatal seleccionadas nesta terceira edición para dar conta dos seus proxectos. Máis concretamente, do proxecto Up-To-Us, desenvolvido no seo do living lab RuraisLab Galicia xunto a un consorcio de 23 socios de 5 países.
A firma de Vigo achegará estes datos na sesión B1 do panel Social Interaction, que vai dedicado á análise de impacto e aplicación das novas ferramentas en función do xénero e do tipo de territorio ou área de poboación. “En 2009”, informa 2Mares, “a empresa propúxose aplicar a innovación aberta a unha situación particular, o papel da muller no rural galego, para solucionar problemas concretos; así naceu RuraisLab Galicia, o primeiro obradoiro 2.0 centrado na muller dos que abrollaron no contexto de Europa”.
Volvendo ao relatorio do foro italiano, dicir que vai ser un achegamento a varios casos de uso do devandito proxecto no eido da innovación social, dun xeito máis específico da personalización de contidos, achegamento de servizos a medida e aplicación innovadora de tecnoloxía desenvolvida de maneira conxunta cos usuarios de RuraisLab Galicia e máis de 2.000 usuarios de España, Francia, Austria e Polonia. Farase fincapé, pois, no proxecto Up-To-Us, unha iniciativa europea apoiada por 23 socios e que 2Mares lidera dende a nosa terra, sendo o seu obxectivo definir a televisión do futuro e o emprego da mesma en eidos como a teleasistencia, a e-saúde ou o coidado a persoas maiores.
A iniciativa galega RuraisLab presenta en Italia os seus logros en inclusión pola vía dixital
Compartir Este Artigo
