A Zona Franca de Vigo acolleu o pasado 23 de setembro un encontro profesional destinado a promover novos xeitos de crear unha sociedade sen atrancos, incluíndo, dentro desta, unha Sociedade da Información igualmente libre de obstáculos. O encontro, chamado Un mundo accesible, veu da man das entidades galegas Amencer, Aspace e InfoJC, todas elas reunidas, ombro con ombro, cun obxectivo común: mellorar a calidade de vida das persoas, favorecer a inclusión social, botando man, se é preciso, das novas tecnoloxías. Na xuntanza, á que acudiron arredor de 100 persoas, participou Javier Cebreiros, intervindo en calidade de responsable de proxectos de InfoJC. No transcurso do evento, recordoulles aos presentes que na nosa terra hai máis 300.000 persoas con algún tipo de dependencia, o que representa preto do 12% da poboación, polo que é máis preciso ca nunca “loitar por poñer ao seu alcance tódolos medios que haxa, para que poidan aplicar as súas capacidades”.
Nesta liña de mobilizar esforzos tamén se expresaron Mónica Touriño, xerente do centro Amencer de Pontevedra, Daniel González, codirector da área multimodal do centro tecnolóxico Gradiant, César Blanco, directivo de Aspanaex e máis Manuel Rivero e Iago Santalla, autores do libro O ilímite do potencial humano. Por certo que esta obra de Iago Santalla, un mozo con diversidade funcional, natural de Vilaxuste, é un tratado que demostra, por si mesmo, que non hai obstáculo insalvável para as persoas, teñan as características que teñan, e que o que de verdade importa son os ilímites, que representan a máxima capacidade que teñen os individuos para superárense.
Volvendo á xornada, dicir que tivo unha importante vertente tecnolóxica, que veu da man de Gradiant, amosando as súas liñas de investigación recente en materia de accesibilidade, e tamén de InfoJC, empresa que presentou no evento a súa iniciativa Un mundo accesible, un proxecto posto en marcha con Amencer Aspace e que consiste nunha plataforma deseñada para usuarios afectados por parálise cerebral e outras afeccións e que iría dirixida a achegarlles máis autonomía no fogar, con facilidade para visualizar contidos, comunicárense, ler novas ou mesmo controlar a distancia tódolos recantos, sistemas e aparellos da casa. Na xornada tamén interveu José Manuel Fernández Alvariño, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, que pechou o acto cun relatorio moi próximo aos participantes e que amosou a necesidade de favorecer a integración das persoas dependentes no mundo laboral.
InfoJC, Amencer e Aspace presentan novos recursos e tecnoloxías para favorecer un mundo accesible
Compartir Este Artigo
