O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai celebrar mañá dúas xornadas formativas nas aulas CeMIT da Coruña e Vilargarcía, nas que participarán un total de 44 técnicos municipais en materia de urbanismo e novas tecnoloxías procedentes de 24 concellos da Coruña e Pontevedra.
O obxectivo desta acción formativa é capacitar aos profesionais asistentes na tramitación das licenzas municipais para a instalación de estacións base de radiocomunicación, tanto no relativo ás urbanísticas como ás de nova apertura ou funcionamento.
Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro, no que ademais se contempla o fomento das Telecomunicacións e da Sociedade da Información a través doutras accións como a promoción de proxectos innovadores no eido das TIC en Galicia.
A duración de cada un dos cursos, que estarán dirixidos por enxeñeiros de Telecomunicación do COETG, é de catro horas, en horario de catro a oito da tarde.
Entre outras cousas, as clases incluirán leccións sobre as distintas disciplinas implicadas na tramitación de licenzas municipais para a instalación de antenas, desde a normativa vixente en materia de telecomunicacións ou ambiental, a aplicación do Código de boas prácticas e ordenanza tipo aprobada pola Comisión Sectorial para o Despregue de Infraestruturas de Radiocomunicación (CSDIR) ata aspectos relativos á seguridade e saúde así como as diferentes tecnoloxías dispoñibles na actualidade.
Ao final de cada curso, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia realizará entre os participantes unhas enquisas de satisfacción cunha análise dos resultados coas súas conclusións, coa finalidade de determinar a necesidade de desenvolver accións futuras no campo das TIC.
Os concellos que participarán na xornada de mañá nas devanditas aulas son:
-Na aula CeMIT de A Coruña: Concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Cambre, Coirós, A Coruña, Miño, Monfero, Oza dos Ríos, Vilarmaior, Cerceda, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Camariñas, Arzúa, Malpica de Bergantiños, Guitiriz.
-Na aula CeMIT de Vilagarcía: Concellos deBarro, A Illa de Arousa, Pontecesures, Valga, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.
Xornadas formativas
En total, o devandito convenio contempla a celebración de 20 xornadas formativas repartidas por toda a Comunidade galega, que se celebrarán nas aulas dos concellos pertencentes á rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta (CeMIT). As xornadas comezaron no pasado mes de setembro e desenvolveranse polo resto da Comunidade ata o vindeiro 25 de outubro.

