As redes sociais e os móbiles son un pouco coma armas de dobre fío, tanto a nivel persoal como a nivel organizativo, empresarial ou institucional. Todo depende do uso que lles dea, igual que con calquera outra cousa. As vantaxes están claras: van permitir que cheguemos a máis xente, que a comunicación sexa máis eficaz, que as campañas que poñamos en marcha sexan máis rendibles, que escoitemos mellor a opinión de usuarios, clientes, cidadáns, etc. Pero coidado que tamén hai lado escuro, sobre todo se non controlamos os tempos nin as prioridades. Segundo un estudo recenteda firma PwC e reflectido estes días por Muypymes, máis da metade das empresas do mundo aínda non ten unha estratexia concertada para un uso seguro dos dispositivos tecnolóxicos (móbiles e tamén redes sociais) entre os traballadores.
No caso de España, a cifra de entidades que aínda non desenvolveu unha estratexia sobre este punto é maior, do 62,5%. Ao fío disto, podemos preguntarnos: é tan grave non contar con medidas concretas para o control destes novos escenarios e canles? Pois a xuízo de PwC si que parece selo, e máis se temos en conta que estamos a falar de tecnoloxías que están a abrollar aínda e cuxo uso non está regulado polos departamentos nin suxeito a normas nidias e que serven de acubillo a unha marea de software mal intencionado que medra a través de teléfonos intelixentes e plataformas 2.0. O estudo, feito sobre a base de case 10.000 directivos de empresas, a nivel global, abrangueu as opinións de 324 profesionais do eido español. Como dixemos e segundo se extrae da información achegada polos directivos que fan o seu labor a nivel estatal, o número de empresas que non teñen unha estratexia para pór un pouco de orde no uso das novas canles e redes é do 62,5%. O estudo tamén achega datos sobre a opinión que se ten da computación na nube, que se temos en conta o que se di no estudo, non semella moi boa entre tódalas compañías. No caso de España, arredor da terceira parte dos directivos enquisados cren que os riscos da tecnoloxía estanse a incrementar, aínda que o 45,8% opinan xusto o contrario e amosan a súa total confianza neste tipo de plataformas.
PwC desvela que unha boa parte das empresas non ten control sobre o uso das redes sociais
Compartir Este Artigo
