Segundo nos conta o noso compañeiro Roberto Brenlla dende a web de AGNIX, os Encontros Anuais de Hacktivistas que se remontan ao 1998 en Florencia, e xa choveu dende aquela, van ter unha edición coruñesa. A cita será os días 21, 22 e 23 deste mes de outubro, no Centro Social Okupado de Palavea, e xa podemos ver todo o referente á xeira programada para a cidade galega na web Sindominio.net. Arestora, segundo nos contan, xa está aberto o prazo de inscrición e a quenda de propostas para ir achegando actividades no programa. A cita galega de hackers faise chamar MeigHacks.
Sinalar que nun principio e malia as variacións que se queiran incluír, o encontro seguirá o formato de hackmeeting. Ou sexa, que será unha xuntanza libre e autoxestionada que xirará, como é costume, arredor das novas tecnoloxías, as súas implicacións sociais e máis a libre circulación de coñecemento e técnicos, a privacidade, a creación colectiva, etc.
O evento diríxese a todo o mundo, sempre e cando se teña unha arela clara de compartir información e habilidades, participando na actividade como “un máis”. O programa será ben variado, no que a nivel de coñecemento esixido se refire. De feito, algunhas charlas e obradoiros requirirán un nivel avanzado de información, e outros non, informan dende a organización. Haberá relatorios, obradoiros, mesas redondas e diversos tipos de nodos. Estes últimos son actividades que veñen da man, directamente e de xeito voluntario, dos participantes. Adoitan ser chamamentos á comunicación libre, ao coñecemento que vai de aquí para alá sen barreiras, todo isto a través de achegas de datos específicos para sermos mellores usuarios da Rede. Neste intre xa podemos ir propoñendo nodos.
Do 21 e ao 23 de outubro o centro social de Palavea converterase en sede hacker
Compartir Este Artigo
