Estes días vindeiros rebordan de actividades ligadas ao tecnolóxico-dixital. Hai e haberá premios, recoñecementos, presentacións, demostracións e, sobre todo, reflexión arredor das vantaxes e atrancos das redes sociais, novos dispositivos intelixentes, participación 2.0 e de todas esas cousas que, de collelas con cabeciña, semellan ter sobrado potencial para facer do mundo algo mellor do que é. Nesta liña de debate insírese o Foro Unirede, a primeira edición dun encontro que vén da man da Asociación Adouspuntocero, que abrangue aos profesionais dos medios sociais galegos, e que se celebra este sábado 15 de outubro na Facultade de Ciencias de Comunicación de Compostela.
O encontro, no que colabora precisamente a Universidade de Santiago, a USC, pretende ser o recurso que faga visibles os froitos da Web 2.0 na nosa terra. En definitiva, do que se trata é de pór en relevo as moitas potencialidades das redes participativas en tódolos ámbitos do noso tecido produtivo.
A xuntanza está artellada en base a relatorios mañaneiros con feitura de foros abertos, fluxos de coñecemento nos que participarán, entre outros, Fátima Martínez, consultora de Comunicación Estratéxica e formadora en Social Media, e os seguintes especialistas en canles e formatos 2.0: David Serantes, José Luís do Campo Villares e Juan José Romeu Crusat. Polo que respecta ás quendas da tarda, dicir que incluirán tres obradoiros temáticos de Turismo/gastronomía, Comunicación e Industrias culturais. Amais de todo isto, haberá marxe para presentar casos de éxito e diferentes metodoloxías exemplares no camiño de tirarlle o máximo rendemento ás redes sociais. De xeito complementario, o programa tamén incorpora un encontro de negocios que trate de afianzar o contacto entre os responsables de diversos proxectos novos tecnoloxico-dixitais e os posibles investidores dos mesmos.
O Foro Unirede amosa este sábado en Santiago a parte máis útil das redes sociais
Compartir Este Artigo
