Dende a súa posta en marcha no pasado mes de xullo, o Centro Demostrador TIC de Galicia non descoidou un só día o seu compromiso de axudar ás empresas e autónomos do noso país no seu avance cara a plena inserción na Sociedade da Información, e como mostra do seu bo facer, neste tempo, o Centro acolleu a presentación de 10 solucións tecnolóxicas provenientes doutras tantas empresas galegas.
E a axenda segue ao completo pois, sen ir máis lonxe, mañá martes 18 de outubro, esta entidade dependente da Xunta de Galicia vai dar acollida á súa sexta Sesión Demostradora, na que a empresa Ednon presentará as melloras que introduce a virtualización e a consolidación de almacenamento nas organizacións empresariais.
Durante a sesión Virtualización e Consolidación de Almacenamento, Ednon amosaralle ás persoas asistentes novas estratexias orientadas a construír de maneira doada servidores virtuais e infraestruturas de almacenamento que lles axuden a gañar eficiencia nas súas organizacións empresariais. Asemade, os seus responsables explicarán a utilización de procesos automáticos para xestionar as cargas de traballo nos servidores e as súas aplicacións nun entorno protexido. A demostración incidirá nas vantaxes da virtualización como a mellora da eficiencia operativa, a simplificación das operacións, a redución de custos e a alta escalabilidade.
O acto, que é de balde, dará comezo a partir das 10:45 horas e vai dirixido principalmente a profesionais e responsables técnicos de medianas e grandes empresas da Comunidade, tanto do sector público como privado.
A asistencia é de balde, previa inscrición en liña a través da web do Centro Demostrador TIC.
O CDTIC de Galicia prosegue a súa boa andaina na axuda ás empresas galegas
Compartir Este Artigo

