Xa se pode contar por horas o tempo que resta para que o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebre mañá en Compostela a III Noite de Enxeñaría en Informática, un acto que terá lugar no Hostal dos Reis Católicos e que reunirá a uns 300 profesionais do país cun mesmo interese común: a defensa e o pulo deste sector.
Nesta edición, a Universidade da Coruña acude á gala con dobre satisfacción: por unha banda para recoller o Premio á Facultade de Informática que se lle concede polo seu 25 aniversario, e pola outra, porque un alumno da entidade académica, Daniel Fernández Núñez, orixinario do Barco de Valdeorras, resultou gañador do Premio Proxecto Fin de Carreira.
Xa que logo, ademais do propio Fernández Nuñez, ata a capital galega achegaranse, en representación da Universidade da Coruña, o seu reitor, José María Barja e o decano da Facultade de Informática, Alberto Valderruten, quen será o encargado de recoller o Premio á facultade que representa.
No que respecta ao traballo premiado, que por certo acadou a máxima cualificación académica, a UDC informa que “está a ser obxecto dun proxecto de valorización comercial e transferencia de tecnoloxía a nivel internacional” nun ámbito que, segundo explican dende o Colexio, “este tipo de proxectos se valora en máis dun millón de euros”.
O CPEIG recoñece por partida dobre o labor da UDC na Noite da Enxeñaría en Informática
Compartir Este Artigo

