Que os tablets lle irían comendo terreo de vagar aos ordenadores e utraportátiles xa o tiñamos máis ou menos claro, de feito así o demostra un informe elaborado por ABI Research do que falamos recentemente en Código; porén, que o seu uso se fora a popularizar tan rapidamente entre os congresistas do noso país, xa nos colleu un pouco máis de sorpresa.
E é que recentemente soubemos, a través do xornal dixital ElMundo.es, que a Mesa da Deputación Permanente do Congreso aceptou por unanimidade o contrato que lle permitirá aos deputados da vindeira lexislatura gozar dunha tablet da marca iPad, en lugar do tradicional (e non por iso menos eficaz) ordenador portátil.
A decisión xustifícase, segundo din, “pola necesidade de adaptarse aos avances tecnolóxicos e para unha maior comodidade dos deputados”, que polo visto non lles chega unha marca menos comercial ou mesmo un dispositivo que tire proveito do software libre e precisan un trebello de 600 euros para o desenvolvemento do seu duro labor diario.
O xornal engade que, en palabras da Mesa, a decisión adoptouse “logo de comprobar que o ordenador portátil que se lle entregaba ao comezo de cada lexislatura aos novos deputados non se empregaba propiamente como tal, mentres que a tableta, moito máis lixeira e pequena (dende logo non teñen un pelo de parvos), facilita o acceso a Internet e o traballo dos deputados dende calquera lugar, mesmo fora do Congreso, mentres viaxan”, así que non nos queda outra que aplaudir e louvar esas ganas de traballar.
A este luxoso dispositivo, no lote hai que engadirlle un teléfono persoal iPhone (que xa gozaban na actual lexislatura) e unha liña ADSL en cadansúas casas, a fin de poderlle tirar o máximo partido ao seu equipo de traballo.
E que ninguén se atreva a protestar (que xa vexo vir aos do Movemento 15-M), este proceso (o de outorgarlle trebellos de última tecnoloxía as súas señorías) farase a través de concurso público, no que se solicitan uns requisitos técnicos que, casualmente, só cumpre o iPhone 4, o iPhone 4S e, no que se refire ás tabletas, o iPad.
Malia que as fontes non concretaron se a incorporación do iPad ao material persoal de cada novo parlamentario suporá ou non un custe maior do que representaría comprar novos portátiles (case podemos adiantar que si), o certo é que aseguran “ter acadado unhas condicións de tarifas moi vantaxosas”, menos mal.
Xa que logo, e se todo segue segundo o previsto, a partir do vindeiro día 20 de novembro, cando se proclamen os novos deputados da vindeira lexislatura, os nosos representantes políticos recibirán no “kit” de traballo o seu iPad, o seu iPhone e a súa liña ADSL persoal que lles permitirá reducir o paro e mellorar a actual situación de crise que estamos a sufrir o resto dos mortais.
Os deputados da vindeira lexislatura gozarán dun iPad e dun iPhone de seu
Compartir Este Artigo

