
Segundo informa GalegoLab, ao igual que nas iniciativas precedentes que abrollaron do seu seo, precísanse voluntarios para dar forma ao proxecto. En concreto, son necesarias sete persoas que busquen galegos que residan fóra e dúas persoas máis para participar na realización gráfica e na edición do proxecto. Este, tematicamente, parte da seguinte realidade: a nosa terra é un país global. Tendo en conta iso, e tendo en conta o moito que temos achegado, demográfica e culturalmente, ao mundo, se cadra é máis preciso que nunca que tratemos de recoñecérmonos a nós mesmos nesa realidade, dos que marchando lonxe quixeron manter a lingua galega para a comunicación.
O traballo, como dixemos, fará especial fincapé nos emigrantes que, ademais de seren galegos que viven fóra, son tamén internautas e usuarios das redes sociais. “Conectados ás redes a tempo completo teñen unha relación máis estreita con Galiza grazas ás tecnoloxías da información e da comunicación”, infórmase dende GalegoLab, dende onde se describe “unha cidadanía máis informada e, xa que logo, máis crítica”. En definitiva, a intención das/os creadoras/es deste proxecto é descubrir os problemas da emigración galega actual e a súa realidade, pois forman parte do futuro do país.
A Rede galega comeza a darlle forma a un documental sobre a emigración galega 2.0
Compartir Este Artigo
