Coa proliferación das redes sociais en Internet, os internautas atoparon centos de novas e atractivas formas de comunicarse entre si, con multiplicidade de posibilidades e alternativas, porén con milleiros de perigos que, en moitos casos, descoñecen, e máis se son menores. Casos como o da suplantación de identidade, o acceso a datos persoais, o acceso a imaxes privadas e mesmo a conversacións alleas supoñen tanto perigo para os internautas adultos como para os menores, e todos eles, case por norma xeral, descoñecen as súas consecuencias.
Xa que logo, e para dar a coñecer e tratar de atallar este tipo de problemas no noso país, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) celebrou o pasado venres en Santiago de Compostela, un seminario que levaba por título: A LOPD nas Redes Sociais. No evento debateuse sobre o tratamento dos datos persoais que se fai por parte das redes sociais, así como sobre as posibles consecuencias do uso inadecuado deses datos e os dereitos legais das persoas ante as propias redes sociais.
A xornada, que foi inaugurada polo propio presidente do CPETIG, Carlos Mata, tivo lugar na Aula Centro Multimedia de Galicia da capital galega e foi emitida por videoconferencia aos telecentros de A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Grazas a esta tecnoloxía, as persoas presentes nos distintos locais da Rede CeMit de Galicia puideron participar no seminario realizando preguntas e facendo comentarios de seu ao respecto. Os relatores convidados polo CPETIG ao seminario foron: José María Lozoya Pérez, especialista en protección de datos, cun relatorio sobre Os meus dereitos legais ante as redes sociais; Ricard Martínez Martínez, presidente da Asociación Profesional Española de Privacidade, que falou sobre Os conflitos na aplicación de Lei de Protección de Datos nas redes sociais; e Álvaro Gómez Vieites, profesor e consultor na área de LOPD, seguridade informática e protección de datos, que ofreceu unha charla sobre as consecuencias do uso inadecuado dos datos persoais nas redes sociais e as novas ameazas á seguridade.
Durante o seu relatorio, o profesor asociado na Escola de Negocios Novacaixagalicia e especialista en seguridade informática e protección de datos, Álvaro Gómez Vieites destacou, entre os problemas a considerar na aplicación da LOPD nas redes sociais: o secuestro de perfís e a suplantación de identidade de usuarios de redes sociales; o problema da protección de datos de carácter persoal (publicación de datos persoais, fotografías… sen o consentimento expreso dos afectados); o Dereito á honra e á intimidade (publicación de fotografías ofensivas de menores); a protección da propiedade intelectual ou a cuestión do spam.
O profesor Gómez Vieites sinalou tamén “a revolución que se está a producir no mundo das redes sociais coa expansión do uso dos smartphones e as tablets”, así como “os futuros usos que se lle van a dar ás redes coa chegada da realidade aumentada e do fenómeno de compartir experiencias do mundo real nas redes sociais”.
O CPETIG expuxo en Compostela as consecuencias do mal uso dos datos persoais nas redes sociais
Compartir Este Artigo

