Sede da Royal Society fotografada por Kaihsu Tai e vista na GalipediaA Royal Society, a máis antiga sociedade investigadora do Reino Unido e unha das que máis anos de labor científico e divulgador amorean en Europa ás súas costas, vén de abrir de xeito continuo o seu Arquivo Histórico. Este proceso, en liña e con acceso libre, supón a achega de arredor de 60.000 artigos históricos de tipo científico perante toda a comunidade internauta. Segundo informa a Universidade de Santiago reflectindo de primeira man a nova da Royal Society, estamos ante un importante acontecemento en materia de universalización da información investigadora, cousa que cobra aínda maior relevancia se temos en conta o valor dos estudos aos que dá acubillo a dita entidade. De feito, estamos a falar dunha das comunidades de investigadores máis senlleiras de todo o mundo, cunha primeira xeira de traballos de divulgación que se remontan ao 1665, coa edición da Philosophical Transactions of the Royal Society, considerado o primeiro xornal científico da historia. Con esta decisión, informa a USC, “a Royal Society pon a disposición do público os seus tesouros, en formato dixital, como o primeiro artigo científico publicado por Isaac Newton; traballos xeolóxicos de Charles Darwin no seus inicios; ou reflexións de Benjamin Franklin sobre os seus experimentos eléctricos, entre moitos outros”.