
O evento, que se dirixe a estudantes e profesores, é unha das feiras científicas máis importantes de todo o Estado español, un fervedoiro de propostas de investigación que se enriquecen unhas e outras, por proximidade e fluxo de coñecemento (cada unha cun stand), e unha mostra ben clara do potencial que hai na nosa terra en materia de innovación e outros asuntos. A nova edición da feira, aberta a estudantes de tódalas ramas e vocacións (non importa se de ciencias ou de letras), xa está descrita polo miúdo, en tódolos seus detalles, na web da Tecnópole, onde poderemos ter acceso ás bases do certame (en pdf). Nel participan estudantes de Secundaria e de Formación Profesional de toda a nosa Comunidade e de outros puntos de España, sendo o seu obxectivo principal, dende cadanseu stand, dar conta dos seus novos produtos para o mercado e diversas áreas de coñecemento.
Como aconteceu en anteriores edicións, a feira desenvolverase sobre o alicerce dunhas bases temáticas ben específicas, bases que soen coincidir con celebracións en curso a nivel internacional. Este ano, os eixes serán o Ano Internacional da Química e máis o Ano dos Bosques, polo que unha boa parte das actividades programadas xirarán arredor de cuestións como a defensa dos nosos espazos naturais ou a investigación sobre diversos fenómenos químicos que nos axuden a coñecer mellor o mundo que nos rodea.
Inclúense polo tanto os obradoiros que citamos a continuación, a engadir a outros dos que iremos dando conta os días vindeiros.
Obradoiro Os Bosques
Este obradoiro divídese en dúas partes, unha de carácter práctico e outra teórica. Coñeceranse de forma amena as principais características dos bosques galegos e a súa evolución ao longo da historia, prestando especial atención ao bosque autóctono e a súa estrutura a nivel de ecosistema. Posteriormente estudaranse os incendios forestais e os seus efectos sobre o noso ámbito, realizando algunha pequena experiencia na que se farán comparacións entre as características de chans de bosque queimados e dun ecosistema san.
Na parte práctica, coñecerase de primeira man como traballan os equipos de extinción de incendios forestais e as técnicas que utilizan co fin de preservar un ben tan prezado como os bosques, para o que se contará coa colaboración especial dunha das empresas de Tecnópole, Salvacon, especializada neste tipo de tarefas.
Duración: 60 minutos por grupo.
Público: Alumnos de Secundaria/FP.
Obradoiro Química
O obradoiro recolle un conxunto de experiencias relacionadas coa química. Realízanse segundo informa a Tecnópole unha serie de “trucos de maxia, que, en realidade, ocultan fascinantes fenómenos químicos”. Mediante esta e outras accións, iranse coñecendo aspectos relevantes da química. Tras cada experiencia, explicaranse aos asistentes as razóns científicas do fenómeno observado (as explicacións adáptanse aos niveis dos grupos).
Algunhas das experiencias que se levarán a cabo:
· Apagar candeas con fluídos invisibles.
· Quentar con lume globos e que non exploten.
· Crear unha lanterna cun lapis.
· Sangue e auga osixenada son un explosivo?
· Reaccións oscilantes ou cando as cousas cambian de cor cando queren.
· Maxia química, ou como ao encher un vaso de auga e xiralo esta non cae.
· Conxelar auga coa mente… e a química.
Duración: 50 minutos
Público: Alumnos de Secundaria/FP.
Galiciencia 2011 xuntará en Ourense á nosa comunidade investigadora de nova xeración
Compartir Este Artigo
