
Os cambios en Google Reader foron os máis drásticos, pois este servizo levaba moitos anos ser actualizarse, xa que, aparte de coller a aparencia de Google+, elimináronse as opcións de Compartir e Compartir con nota, que víronse substituídas polo botón +1, de xeito que agora as funcionalidades sociais de Google Reader desaparecen, o que supón unha concentración en Google+ dos elementos sociais dos servizos de Google, evitando así a competencia entre servizos da propia compañía.
Esta decisión de Google foi recibida dun xeito moi crítico, e xa hai unha campaña para pedir a recuperación do vello Google Reader, pois moitos usuarios non consideran atinado que se aproveite aos usuarios do lector de RSS de Google para forzar a usuarios a utilizar Google+.
Os cambios en Gmail resultan menos polémicos, pois supón unha actualización estética (que xa podía achegarse parcialmente escollendo un par de temas dispoñibles dende a estrea de Google+) e unhas melloras obxectivas como o re deseño da vista de conversa para facilitar o seguimento dos fíos de correo, a posibilidade de configurar a densidade na que aparece a información en pantalla (para que a lectura sexa agradable tanto nun ordenador de escritorio como nun ultraportátil, no que deberiamos seleccionar a vista en pantalla compacta), novos temas en alta definición (con imaxes de alta calidade), navegación intelixente (continúan dispoñibles as etiquetas nun panel de navegación que agora ten tamaño personalizable e permite agochar por completo a área de chat e gadgets) e mellora o formulario de buscas avanzadas a través dun cómodo menú despregable.
Sen dúbida, uns cambios que supoñen unha optimización do servizo, coincidindo coa aparición de alertas que informan que en breve van eliminar completamente a presenza de Buzz en Gmail, capa social de Google da que ninguén parece reclamar a súa conservación, pois tras o seu lanzamento converteuse nun servizo irrelevante.
Gmail e Google Reader mudan a súa imaxe para converxer con Google+
Compartir Este Artigo

