
Falamos de Algueirada Cultural, Distribuidora Pragma, Meubook, Pío García Edicións, Sacaúntos Cooperativa Gráfica e Redelibros, que formarán unha alianza coa que unir esforzos e ofrecerlle a escritores independentes servizos integrais de edición, maquetación, deseño, impresión baixo demanda, conversión a formatos dixitais, distribución, promoción e venda, a prezos máis atractivos que os habituais.
Segundo informan, os autores que o desexen, sexan noveis ou xa con obra publicada, poderán xestionar integramente a través da rede social Redelibros, a publicación e distribución das súas obras, tanto en formato papel como dixital (ebook), así como acceder a unha serie de ferramentas de balde coas que promocionar as súas obras, tales como unha ficha do libro na Rede, unha páxina persoal en Redelibros e Facebook, acceso a tendas en liña…
A edición de autores independentes, afirman, “está a supor un cambio de paradigma no mundo editorial, facilitado polas novas ferramentas tecnolóxicas informáticas”, e “moitos especialistas ven nesta opción a revolución editorial do inmediato futuro”, engaden.
Con esta alianza estratéxica, que foi presentada esta mesma mañá na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, “Galicia sitúase en primeira liña da vangarda editorial e crea un espazo de apoio aos autores que lles permitirá obter o control absoluto sobre as súas obras”, auguran.
O sector editorial alíase para facilitar a edición de libros a través da Rede
Compartir Este Artigo

