O feito de que sexa unha das maiores compañías de telecomunicacións do mundo, non exime a Telefónica de preocuparse polo que sustenta e sustentou ao sistema económico mundial dende os seus inicios: o sector primario, e a firma, lonxe de abandonalo á súa sorte e pensar en si mesma, aposta por implantar as novas tecnoloxías no seu seo e contribuír á mellora do seu desenvolvemento.
Na súa última aposta pola implantación de proxectos e solucións innovadoras nos sectores medioambiental, agrícola, forestal ou alimentario, entre outros, Telefónica colabora co Grupo Tragsa, con quen asinou un convenio de colaboración para darlle pulo ao desenvolvemento tecnolóxico desas áreas.
Máis polo miúdo, o documento asinado implica a implantación de infraestruturas, servizos de comunicacións e tecnoloxías emerxentes que contribúan ao desenvolvemento dos ámbitos da enxeñaría e asistencia técnica para o desenvolvemento rural, mellora medioambiental, agrícola e forestal e a xestión dos recursos pesqueiros, acuicultura, gandería e sector alimentario.
Xa que logo, Telefónica e o Grupo Tragsa colaborarán na implantación de proxectos e solucións innovadoras baseadas en tecnoloxía Machine to Machine (M2M) –ou o que é o mesmo, “Internet das cousas”- para a xestión eficiente dos recursos hídricos e os regadíos. Asemade, desenvolverán solucións de mobilidade para aplicacións de xestión, seguridade lóxica, perimetral e de aplicacións informáticas.
O grupo Tragsa contará tamén coa colaboración de Telefónica para a xestión externa (outsourcing) de infraestruturas de telecomunicación e postos de traballo, e na xestión e mantemento de contornas de Tecnoloxías da Información.
Por outra banda, e tamén grazas ao acordo, Telefónica poderá estender o ámbito de aplicación das súas solucións de eficiencia e produtividade TIC a novas actividades relacionadas coa mellora na xestión e protección medioambiental de espazos e recursos.
Tragsa e Telefónica unirán forzas para potenciar o uso das TIC no desenvolvemento rural, mariño e medioambiental
Compartir Este Artigo

