
Estes mobles baseados en alta tecnoloxía, comprenden a primeira parte do proxecto Visionaire, co que Gradiant e o CIS Madeira (Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia), pretenden dicirlle “adeus aos cables”.
O proxecto, que ten unha duración de dous anos (ata abril de 2012), conta cun presuposto de un millón de euros, achegados polo Fondo Tecnolóxico xestionado polo CDTI, cos que se pretenden incorporar as novas tecnoloxías á automatización e monitorización da vivenda.
Nesta primeira fase presentáronse só mesas e estantes, porén ámbalas dúas entidades traballan a reo desenvolvendo outros elementos como mobles multimedia para o dormitorio ou para unha cociña intelixente que sairán noutras edicións do proxecto.
Segundo afirma dende Gradiant Javier Castaño, o director técnico da entidade, “o moble intelixente é aquel que aspira a ser máis útil e satisfacer tódalas necesidades ao incluír nel novas tecnoloxías”, ao que engade que, “non se trata de engadir elementos ao moble, senón de integralos nel”.
Neste senso, o máis salientable do proxecto é a súa aposta pola innovación e a tecnoloxía, así como a colaboración entre entidades investigadoras e empresas do país para dar con solucións innovadoras a partir dos recursos dispoñibles.
Á vista está que a innovación do sector do moble tornou de rumbo con este primeiro chanzo, e xa non se enfoca tanto cara aspectos como os materiais, a estética, a ergonomía ou o aproveitamento do espazo, senón cara a integración das TIC para incrementar as funcionalidades de cada elemento.
Un reto a superar neste sentido é “o de acadar unha perfecta adaptación dos dispositivos aos mobles, de maneira que un deseño atractivo e funcional vaia acompañado dunha tecnoloxía fiable e innovadora que lle aporte un valor engadido ao moble e constitúa un factor de diferenciación respecto ao moble tradicional”, afirman.
No proxecto de Visionaire preséntanse varios tipos de mobles para distintos ambientes, tanto domésticos como profesionais, dando acollida dende espellos multimedia ata estantes auto-organizativos con cables de seu e mesas adaptadas ao uso de dispositivos electrónicos.
Máis polo miúdo, as mesas que presentou en Madrid o sector madeireiro galego ofrecen a posibilidade de dar acollida a ordenadores, impresoras ou teléfonos sen cables adicionais, podendo conectar todo á propia mesa aproveitando a conexión da mesma á Rede e á corrente eléctrica.
Tamén contan con USB remoto e base para dispositivos electrónicos de última xeración, como iPods ou iPhones, que permiten enviar a outra mesa da rede interna o que temos na nosa pantalla.
Pola súa banda, os estantes tamén se conectan á rede eléctrica e a súa principal vantaxe radica en que “saben” en que estante están as cousas. Para iso, o usuario coloca unha etiqueta RFID ao libro ou arquivador, e antes de colocalo no estante pasa este sensor polo lector. Desta maneira, os datos da súa ubicación rexístranse nunha aplicación web, a mesma que nos permite buscar e saber onde está cada elemento.
Este mobles tecnolóxicos, que por certo fabrica unha pequena empresa galega, é a tecnoloxía Anywire de transmisión de datos por rede eléctrica, que ten como obxectivo minimizar o número de cables que temos na estancia.
Gradiant preséntalle ao mundo os primeiros mobles galegos intelixentes
Compartir Este Artigo

