Esta tarde inauguráronse as II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, nun evento no que a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, destacou a importancia da colaboración e o esforzo de todos os colectivos implicados no proceso de modernización da Xustiza que está a desenvolver a Xunta a través do Plan Senda 2014, que establece a folla de ruta para implantar de xeito efectivo as TIC na Xustiza.
O plan, que conta cun orzamento de 34 millóns de euros, contempla a o fomento do uso das ferramentas informáticas así como actuacións de renovación do equipamento e a actualización dos sistemas de información. Ademais, está a impulsar a implantación de servizos en mobilidade para que os profesionais da Xustiza teñan ao seu alcance os medios que lles permitan realizar o seu traballo desde calquera lugar. Nesta liña de actuación encaixan a implantación de servizos de videoconferencia ou a dotación de dispositivos de conexión remota para fiscais e xuíces.
Mar Pereira afirmou que para acadar un aproveitamento beneficioso das TIC no proceso xudicial, se está a mellorar a dotación de infraestruturas tecnolóxicas como a renovación do equipamento informático cunha antigüidade superior aos cinco anos que se completará entre xaneiro de febreiro de 2012. Nesta mesma liña de actuación instalaranse 22 equipos de videoconferencia e arredor de 100 equipos de gravación de vistas nos órganos xudiciais galegos, no marco do acordo Ius+Red asinado co Ministerio de Xustiza.
Outras das liñas de acción do Plan Senda é promover o emprego dos sistemas de información dixital e fomentar o seu coñecemento cara o expediente electrónico xudicial. Neste sentido, a secretaria xeral destacou que no 2011 realizáronse máis de 600.000 notificacións telemáticas desde os 100 órganos xudiciais que dispoñen de Lexnet e que nos últimos 12 meses mais de 3.000 traballadores do ámbito xudicial públicos participaron en máis de 300 cursos de formación sobre o uso dos sistemas de xestión procesual.
Xornadas de Informática
Xudicial e Delitos Informáticos
As II Xornadas de Informática Xudicial e
Delitos Informáticos xornadas que se celebran hoxe e mañá en Santiago de
Compostela, inscríbese no convenio de colaboración subscrito entre a Secretaría
Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a o Colexio Profesional de
Enxeñaría Técnica en Informática para realizar accións formativas no eido das
peritaxes xudiciais e técnicas probatorias.
As Xornadas contan cun
completo programa de relatorios e mesas redondas organizadas en dúas sesións.
Na xornada de hoxe os relatorios corren a cargo do Maxistrado e Director do
Servizo de Modernización e Organización Xudicial do Consello Xeral do Poder
Xudicial, Joaquín Delgado Martín, e da Avogada e Socio Director de Razona
Legaltech, Paloma Llaneza. A xornada completarase cunha mesa redonda titulada: ¿Estamos preparados para dar seguridade xurídica
a un mundo xa dixital?
Durante a segunda
xornada do ciclo, o sábado día 12, os relatorios correrán a cargo do xuíz da
Audiencia Nacional, Eloy Velasco, da Fiscal Xeral en Criminalidade Informática,
Elvira Tejada de la Fuente, e do inspector Xefe do grupo de Análise de Software
da sección de Informática Forense da Policía Nacional, Jorge Martín García. A
xornada completarase cunha mesa redonda titulada: Retos da xustiza ante a nova realidade informática.
