A Secretaría Xeral de Política Lingüística, na súa teima por incorporar o galego a tódolos ámbitos das nosas vidas e facer dela a ferramenta de comunicación ideal, non podía deixar de facer o propio ante a inminente chegada das festas do Nadal, nas que o que máis e o que menos vai felicitar aos seus seres queridos da maneira máis orixinal posible.
Xa que logo, e botando man unha vez máis das novas tecnoloxías, este departamento vén de convocar unha nova edición do seu concurso de presentacións electrónicas para felicitar o Nadal en lingua galega, que obtivo unha ampla participación na primeira edición o ano pasado.
Os traballos que participen no concurso deben facer referencia a un tema vinculado con estas datas, para felicitar o Aninovo, o Día de Reis ou as festas de Nadal en xeral, e o xurado, que estará formado por persoal da Secretaría e polo gañador do 2010, valorará o enxeño, e o coidado estético e lingüístico das propostas.
A extensión máxima das presentacións é de 10 diapositivas, e o peso non deberá exceder os 10 Mb
para favorecer o seu envío por medios electrónicos comúns.
Os traballos gañadores, ademais de recibir cadanseu lote de produtos de lecer en galego, formarán parte dunha galería de presentacións en liña que estará dispoñible na web da Secretaría xeral de Política Lingüística.
O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro día 9 de decembro e os enderezos habilitados a tal fin son: secretaria.xeral.politica.linguistica.web@xunta.es ou sxpl.secretaria@xunta.es.
Política Lingüística convoca un concurso de felicitacións de Nadal electrónicas
Compartir Este Artigo

