
O community manager é o profesional que se encarga da comunicación 2.0 dunha ou varias firmas, e normalmente emprega técnicas e ferramentas específicas para facelo, diferenciando o seu labor da dun mero internauta seareiro das redes sociais.
Porén non tódolos community managers, ou os que din selo, teñen os coñecementos axeitados para desenvolver o labor de comunicación dunha empresa na Rede, e reducen o seu traballo a interactuar coa comunidade internauta nas redes sociais máis coñecidas como Facebook ou Twitter.
Para deixar estes puntos máis claros e definir claramente as responsabilidades da figura do community manager, EXPOCoruña vai celebrar o último taller b-web do ano o vindeiro 24 de novembro, no que conselleiro delegado de Coolhunting Community e profesor da ICEM-ESIC, Manuel Serrano Ortega, achegará as técnicas, ferramentas e metodoloxía que precisa un community manager para desenvolver con éxito a súa función en calquera organización.
Serrano Ortega, colaborador habitual en moitos medios de comunicación, facilitaralle ás persoas asistentes unha ampla e detallada documentación, para que coñezan, paso a paso, a actividade diaria dun profesional da comunicación corporativa en liña.
EXPOCoruña celebra mañá un taller b-web sobre o labor do community manager
Compartir Este Artigo

